A práctica do piropo nos novos tempos
Que é un piropo? Seguimos a interpretalo como unha mostra de cortesía?
Dende o campo da pragmática deféndese que o grao de (des)cortesía de calquera acto de fala se relaciona coa súa adecuación ao contexto. Con todo, hoxe en día, nunha sociedade maioritariamente comprometida coa loita contra a desigualdade de xénero, o piropo parece percibirse socialmente como un acto de fala arriscado para a imaxe pública. En consecuencia, comezamos a observar que esta práctica discursiva con centos de anos de tradición nas culturas hispánicas está sufrindo mudanzas.
En primeiro lugar, dende o punto de vista sociolóxico, aínda que todo apunta a que os roles preestablecidos para cada un dos xéneros tradicionais á hora da enunciación dun piropo (home produtor e muller receptora) comezaron a esvaecerse, a práctica do piropo parece seguir reproducindo desigualdades cando de relacións binarias home/muller se trata. Deste xeito, nos últimos traballos do campo da pragmática advírtese que o rexeitamento social do carácter público do piropo está relegando este acto de fala a contextos máis íntimos e, polo tanto, máis seguros para as imaxes de produtores/as e receptoras/es.
Neste contexto, os novos tempos parecen ofrecernos unha alternativa á enunciación cara a cara do piropo e, consecuentemente, un novo centro de interese: o espazo virtual. Quizais xa non escoites tantos piropos na rúa, pero non seguen presentes en redes sociais como Instagram, Facebook ou Tinder?