No ano en curso de 2012 cúmprense trinta anos da publicación das Normas Ortográficas e Morfolóxicas do Idioma Galego (NOMIG) elaboradas por unha comisión mixta do Instituto da Lingua Galega da Universidade de Santiago de Compostela (daquela, a única universidade galega) e a Real Academia Galega, e aprobadas en sesión conxunta de ambas as dúas institucións. A aprobación das Normas Ortográficas e Morfolóxicas do Idioma Galego de 1982 foi un fito na historia do idioma, por representaren a primeira proposta ampla, sistemática e cientificamente xustificada de codificación ortográfica e morfolóxica do galego común. As NOMIG serían oficializadas pouco despois mediante decreto da Xunta de Galicia, tornándose así no primeiro código normativo con carácter oficial do idioma galego, que pola súa vez fora tamén recoñecido como lingua oficial no Estatuto de Autonomía de Galicia de 1981.
Posteriormente, a modalidade do galego común fixada nas NOMIG foise consolidando, enriquecendo e adaptando, ao paso que se despregaba o autogoberno de Galicia, de xeito que a posición do galego no sistema educativo se afianzaba, o seu cultivo literario coñecía unha admirable intensificación e se estendía o seu uso institucional e público en diversos ámbitos da vida social. Ao tempo, os novos usos e os novos usuarios do galego íanse confrontando cunha inédita diversidade de esixencias, dúbidas, problemas e debates que obrigaron a xerar máis recursos, elaborar novos materiais, improvisar respostas e rever algunhas das solucións adoptadas. Testemuño de todo iso son a morea de libros de texto, manuais, gramáticas, métodos de aprendizaxe, prontuarios, dicionarios, vocabularios, recursos na rede, programas ou espazos de radio e televisión que se produciron nas tres décadas pasadas. E tamén as polémicas, as críticas e os trasacordos que acompañaron inevitablemente todo o proceso. No camiño, o coñecemento do galego e sobre o galego experimentou un crecemento espectacular, tanto no plano divulgativo coma no ámbito restrinxido da investigación especializada. Como consecuencia, todos aprendemos moitas cousas, tanto os expertos e os profesionais coma os simples usuarios. Resultado desa aprendizaxe foron as sucesivas revisións das NOMIG-82, primeiro as recollidas no Vocabulario Ortográfico da Lingua Galega, plasmadas no texto reformado de 1995, e, posteriormente, a reforma proposta polo ILG e os departamentos de Filoloxía Galega das tres universidades galegas e sancionada pola Real Academia Galega en 2003.
O fito dos 30 anos cumpridos ofrece unha ocasión para revisar o camiño percorrido, reconsiderar algunhas cuestións, tirar ensinamentos e facer un balance cara ao futuro. A iso pretendemos contribuír co programa do Simposio deste ano. Como cada ano, o Simposio do Instituto da Lingua, organizado en colaboración co Consello da Cultura Galega, diríxese a estudantes universitarios de grao e posgrao, profesores de lingua e literatura galega, profesionais de distintos sectores e público en xeral que desexen ampliar ou actualizar os seus coñecementos na materia.