'Visita e café' con Carlos Cernadas Carrera

O ILG acollerá o xoves 26 de febreiro, ás 11:00 h, un novo encontro de Visita e café co profesor Carlos Cernadas Carrera, docente da Universidade Federal do Pará (UFPA). Esta iniciativa está pensada para que os investigadores e investigadoras visitantes compartan co persoal do centro as súas liñas de investigación e fortalecer deste xeito as redes persoais e académicas.
A actividade investigadora de Cernadas céntrase na formación do profesorado, na didáctica das linguas e nas linguas de herdanza en comunidades diaspóricas. Coordina diversos proxectos de investigación e de extensión universitaria e é membro do Núcleo de Estudos de Cultura e Lingua de Herdanza (NuCLiH) da Universidade de São Paulo (USP).
Durante a súa estadía no ILG vai desenvolver un proxecto centrado na análise da relación entre lingua e identidade na comunidade galega da cidade de Belém, na Amazonía brasileira, baixo a supervisión do investigador do noso centro Henrique Monteagudo. O seu traballo afonda nas dinámicas sociolingüísticas da diáspora galega e contribúe a ampliar o coñecemento sobre os procesos de mantemento, transmisión e resignificación da lingua galega fóra de Galicia.
Con esta visita, o ILG continúa reforzando a súa proxección internacional e o diálogo académico arredor da lingua galega e as súas comunidades no exterior.





