Axudas para a recollida de microtoponimia no curso de verán da USC Toponimia: interpretación e actuación (16-19 xullo de 2013)

Data: 
sábado, Xullo 20, 2013 - 17:00

Presentación

As persoas matriculadas no curso de verán da USC Toponimia: interpretación e actuación que acaden o diploma poderán acceder a unha axuda económica en concepto de colaboración para realizaren tarefas de recollida de microtoponimia nos concellos de Rois, Touro e a Mancomunidade de Municipios Arousa Norte (concellos de Rianxo, Boiro, A Pobra do Caramiñal e Ribeira). O traballo ten por obxectivo contribuír á colleita sistemática da toponimia menor (nomes de lugares non habitados, como leiras, fontes, prados, penedos, etc.) comezada polo Proxecto Toponimia de Galicia. O labor consistirá no seguinte:

  • Traballo de campo, para o cal haberá que desprazarse ó concello, procurar informantes que coñezan ben o territorio e realizarlles unha enquisa oral. Téñase en conta que o número de topónimos recollidos debe ser, como mínimo, entre 50 e 60 nomes por km2, pero que pode ser moi superior a esa cantidade, segundo o territorio de que se trate.
  • Traballo de gabinete, consistente na introdución informática dos datos nun soporte cartográfico que servirá para xeorreferenciar os topónimos colleitados. Deberase entregar toda a información recadada nun disco en formato Excel. Os datos integrarán a base de datos do Proxecto Toponimia de Galicia e quedarán ó dispor dos concellos obxecto da axuda.

Para levar a cabo ambas as tarefas, os investigadores recibirán formación específica de carácter práctico durante o desenvolvemento do curso e en sesións posteriores.

Requisitos

O comité que se encargará da escolla dos colaboradores estará constituído pola directora e o secretario do curso e un experto en recollida de microtoponimia con vinculación ao Proxecto Toponimia de Galicia; poderán estar presentes representantes dos concellos obxecto das axudas. Unha vez rematado o curso, abrirase un prazo para a recepción de solicitudes por parte dos candidatos que cumpran os seguintes requisitos:

  • Obter o diploma do curso de verán da USC Toponimia: interpretación e actuación
  • Ser licenciado, graduado ou estudante universitario

Criterios de valoración

O comité de selección levará a cabo a escolla de candidatos tendo en conta os seguintes criterios:

  • Valorarase as titulacións de Filoloxía Galega / Grao en Lingua e Literatura Galega; outros estudos universitarios de formación lingüística con especialidade en lingua galega; Xeografía; Historia; outras. No caso das persoas sen formación filolóxica teranse en conta os coñecementos acreditados en lingua galega.
  • Expediente académico.
  • Coñecemento do territorio.
  • Experiencia previa na recollida de toponimia .
  • Outros méritos que se desexe alegar e que terán sidos en consideración por parte do comité de selección en función da súa relación coa tarefa que se vai desenvolver.

Todas estas circunstancias deberán ser demostradas documentalmente. Terase en conta a situación laboral do candidato.

Relación de axudas

A organización do curso asinou convenios cos concellos de Rois e Touro e está en trámite de facelo coa Mancomunidade de Municipios Arousa Norte. A contía das axudas non é idéntica: depende da extensión do territorio e das dificultades específicas que comporta en cada caso. Nas próximas semanas informaremos das condicións relativas ás seis bolsas da Mancomunidade de Municipios de Arousa Norte: 3 en Rianxo, 1 en Boiro, 1 na Pobra e 1 en Ribeira. A información que segue corresponde ás dúas primeiras bolsas (Rois e Touro).

Concello de Rois

  • Axuda 1: parroquia de Ribasar (Santa Mariña)

    Importe: 850 €

    Recollida de microtoponima

    Trátase dunha parroquia moi pequena, con zonas de cultivo, as menos, arredor das aldeas, e bastante superficie de monte alto e baixo, con matogueira. A densidade de nomes non debería ser moi alta, e tendo en conta que ten 4 ou 5 aldeas, non ha ser difícil atopar bos informantes. Non parece que quede xente dedicada á agricultura, pero seguro que haberá xente maior que saiba os nomes, aínda que quizais non interpreten as fotos. Tamén é certo que é unha zona onde se construíron naves industriais e onde se fixeron novas casas de xente foránea, pero hai que buscar informantes de idade para rescatar a toponimia antiga. Calcúlase que o traballo de campo se poderá facer perfectamente en 2 ou 3 semanas

     

    Xeorreferenciación da toponimia recollida polo PTG neste concello

    Traballo de gabinete: xeorreferenciación dos 6.390 topónimos que recolleu o Proxecto Toponimia de Galicia no resto das parroquias deste concello, coa finalidade de estaren ó dispor do concello e, en xeral, de todos os veciños, para consultalos e visualizalos na páxina web do proxecto (toponimia.xunta.es). Este traballo poderá facerse desde o domicilio particular da persoa que reciba a axuda nun ordenador con conexión a internet, unha vez recibidas as instrucións necesarias para o manexo da aplicación informática correspondente.

Concello de Touro

  • Axuda 2: parroquias: Novefontes (Santiago) e Fao (Santa Uxía)

    Importe: 850 €

    Novefontes é unha parroquia relativamente pequena, que conta con 8 entidades de poboación, segundo o Nomenclátor da Xunta de Galicia. Trátase dunha parroquia na que a meirande parte do seu territorio está dedicado a arboredo, polo que a densidade de nomes non vai ser tan alta como noutras parroquias deste concello onde o 80% da superficie está dedicada a cultivo ou pradaría. Ao redor das aldeas, as fincas son dunha extensión considerable, non existe un minifundio excesivamente marcado, polo que é probable que os nomes identifiquen anacos de terra máis ou menos amplos. Sendo unha parroquia tan pequena, e habendo tantos lugares poboados, xunto co feito de que aínda queda bastante xente dedicada á agricultura e á gandaría, debería resultar moi doado atopar informantes de calidade, que incluso interpreten as fotografías aéreas. A accesibilidade a todo o territorio da parroquia, en principio, parece boa, agás á zona estremeira co río Ulla. Fao tamén é unha parroquia pequena, con 13 lugares habitados e unha realidade orográfica moi semellante á parroquia de Novefontes, só que quizais con aínda máis territorio dedicado a bosque de piñeiros e eucaliptos. As zonas de cultivo concéntranse arredor das aldeas e semella que non vai haber dificultades para atopar bos informantes. Pode haber certos problemas de accesibilidade no monte que linda co curso do río Ulla. I

Concello de Rianxo

  • Axuda 3: Parroquias: O Araño e Asados

    Importe: 1.300 €

    Son dúas parroquias interiores. A do Araño é moi extensa, pero a meirande parte dela é monte, que se por un lado ten a dificultade engadida da accesibilidade, por outra, ten a vantaxe de atoparnos cunha densidade de nomes moito menor. Leva máis tempo percorrer o terreo, se os informantes non se orientan nas fotos, pero ao obter menos nomes, o traballo de introdución destes nunha base de datos é moito menor.

  • Axuda 4: Parroquias: Isorna e Leiro

    Importe: 1.300 €

    Malia que son menos quilométros cadrados có quiñón anterior, hai que contar coa zona costeira, onde tamén se vai rexistrar un bo múmero de topónimos marítimos que ofrecen unha maior dificultade para rexistralos, pola pouca dispoñibilidade horaria dos mariñeiros, e polo complexo que pode resultar situar na fotos aéreas os nomes de baixos e pedras

  • Axuda 5: Parroquias: Rianxo e Taragoña

    Importe: 1.300 €

    Ten menos quilómetros cadrados en terra, pero conta tamén cun bo anaco de zona litoral, onde pode haber moita talasonimia. Tamén ten unha zona de monte na parroquia de Taragoña, onde é probable que a densidade de nomes sexa baixa. Aquí atópase o núcleo urbano de Rianxo, onde non recolleremos os nomes das rúas, só os nomes de barrios ou partes de núcleo urbano, e en todo caso, os nomes das fincas do radio extraurbano.

Concello de Ribeira: Illa de Sálvora

  • Axuda 6: Illa de Sálvora

    Importe: 1.500 €

    Neste caso a densidade toponímica interior da illa non será moi alta, pero hai que engadir toda a toponimia dos baixos e das pedras arredor da illa, co cal vaise duplicar ou triplicar a densidade, coa dificultade engadida da accesibilidade e da dispoñibilidade dos mariñeiros para informar dos nomes.

Concello da Pobra do Caramiñal

  • Axuda 7: Parroquias de Lesón e o Caramiñal

    Importe: 950 €

    Lesón é unha parroquia grande, pero con moito terreo de monte, pois inclúe toda a ladeira do monte da Curota, polo que a densidade toponímica non ha de ser moi alta. Pode dar traballo para localizar os topónimos puntuais (fontes, penedos) no monte, se hai que andar por el, pero se se encontran bos informantes, debería recollerse en menos dun mes. Non ten zona litoral. A parroquia do Caramiñal é pequena (3,58 km2), en boa parte urbana e estremeira coa anterior.

Concello de Boiro

  • Axuda 8: Parroquia de Boiro (Santa Baia)

    Importe: 950 €

    É unha parroquia relativamente grande, que colle un anaco de costa, no que non debe haber moitos nomes, porque case todo é areal. Ten zonas de cultivo con moito minifundio no val, onde se pode obter unha alta densidade de nomes, pero tamén ten unha ampla zona de monte, onde a número de topónimos será menor. Pola súa orografía e polas numerosas entidades de poboación que presenta, debería ser unha parroquia doada de recoller. A accesibilidade ao monte non é dificultosa e hai moitos habitantes que aínda traballan as terras, polo que debería haber bos informantes.

O pagamento realizarase en dúas fraccións: o 50% da contía será librada no momento en que o/a colaborador/a se incorpore ao traballo e o 50% restante cando remate a tarefa.

Cada alumno/a poderá solicitar máis dunha axuda. Por cada bolsa deberá enviar cadanseu formulario de solicitude (que se pode descargar nesta páxina) e mais a documentación que en cada caso cumpra.

O prazo de recepción de solicitudes estará aberto desde o mércores 17 de xullo ata o martes 23 de xullo. Recórdese que só poderán recibir axudas aquelas persoas que conseguisen o diploma do curso. A concesión final das axudas darase a coñecer a través da páxina web do Instituto da Lingua Galega antes de que remate o mes de xullo.

Haberá que deixar copia impresa do formulario de solicitude e mais da documentación respectiva no Instituto da Lingua Galega (Praza da Universidade, 4, CP: 15782, Santiago de Compostela ), á atención de Gonzalo Hermo. Admitirase o envío da documentación por correo postal certificado sempre que a recepción se efectúe antes de rematar o prazo de admisión de solicitudes.

Se houbese calquera dúbida pode resolverse a través do correo electrónico, mandando unha mensaxe a <toponimia.2013@usc.es>, ou chamando a (+34) 8818 12809.