Aberto o prazo para matricularse no mestrado EMLex ata o 2 de febreiro

O período para matricularse e solicitar unha das 20 bolsas para o Mestrado Europeo de Lexicografía (EMLex), que promove a formación internacional e interdisciplinar na área da lexicografía, encóntrase aberto ata o 2 de febreiro. As persoas bolseiras recibirán un pago prorrateado de 1400 euros/mes durante toda a duración do programa de estudos (máximo 24 meses), que se utiliza para cubrir os gastos de viaxe, as solicitudes de visado e permiso de residencia e os custos de instalación e manutención.
As persoas tituladas estarán cualificadas para traballar en todos os campos da lexicografía: desde a concepción de dicionarios impresos e electrónicos e tarefas lexicográficas específicas ata a realización técnica de produtos lexicográficos. Ademais, recibirán unha formación profunda no campo teórico da lexicografía moderna, que lles permitirá realizar investigacións científicas ou traballar nun posto de asesoramento no campo da edición e a educación superior.
O EMLex é un mestrado de carácter interuniversitario, impartido por un consorcio de universidades, coordinado pola investigadora do Instituto da Lingua Galega María José Domínguez Vázquez. Ademais da Universidade de Santiago de Compostela, forman parte do comité organizador a Friedrich-Alexander-Universität Erlangen (Alemaña), a Ilia State University (Xeorxia), a Károli Gáspár Református Egyetem (Hungría), a Universita degli Studi Roma Tre (Italia), a Universidade do Minho (Portugal), a Université de Lorraine (Francia) e a Universität Hildesheim (Alemaña).
O Instituto da Lingua Galega é un dos centros colaboradores en que o alumnado poderá realizar as prácticas nun dos seus proxectos de lexicografía.





