Artigo de Estela Fidalgo sobre o piropo en 'Galicia 21'

Data: 
luns, Maio 11, 2026 - 13:45
Imaxe: 

A investigadora do Instituto da Lingua Galega Estela Fidalgo Garra vén de publicar o artigo "O papel (des)cortés do humor na produción do piropo galego" na revista Galicia 21: Journal of Contemporary Galician StudiesO obxectivo principal do traballo consiste en afondar na análise do papel que os indicadores humorísticos xogan na enunciación do piropo na Galiza contemporánea. Para iso, Fidalgo recolleu datos sobre a produción de piropos en diferentes contextos comunicativos e analízaos atendendo a diferentes variables sociais (idade e xénero). O obxectivo é identificar diferenzas xeracionais no comportamento das persoas á hora de empregar a estratexia pseudoencuberta e os elementos humorísticos asociados a esta. Estes resultados contribúen a botar luz sobre a evolución desta práctica no contexto galego.

Galicia 21 é unha revista en liña de libre acceso especializada en estudos galegos que promove o estudo de eidos e cuestións críticas que ata o de agora non recibiron atención sistemática nos estudos culturais galegos, como, por exemplo, as artes visuais e dixitais, os estudos de medios e comunicación, o cinema, a cultura de masas, teoría ou historia cultural. Ao tempo, a revista quere contribuír a profundizar a nivel teórico e crítico sobre conceptos clave para os estudos culturais galegos como a nación, a identidade, o poder, o xénero ou o espazo.