A ‘Cartografía dos apelidos’ permite coñecer a frecuencia e distribución dos nomes en Galicia
Data:
venres, Abril 29, 2011 - 01:30
Imaxe:
Saber o número de persoas que levan un apelido nun determinado concello galego ou como se distribúe un patronímico ao longo do territorio. Coñecer estas e outras cuestións é posible grazas a ‘Cartografía dos apelidos de Galicia’, unha ferramenta creada polo Instituto da Lingua Galega da USC (ILG), que ten como finalidade ofrecerlle aos usuarios un medio para poder coñecer a difusión territorial dos apelidos na nosa comunidade, que combina a estatística e a análise espacial.
A web da ‘Cartografía de apelidos de Galicia’, á que se pode acceder dende o enlace http://ilg.usc.es/cag, foi presentada este venres polos coordinadores do proxecto, os profesores Ana Boullón e Xulio Sousa, no Colexio de San Xerome. A cartografía proporciona información que pode resultar de interese para disciplinas como a dialectoloxía, a historia do léxico, a demografía ou a xenealoxía, segundo explicaron os responsables da iniciativa.
A información da frecuencia e distribución dos apelidos de Galicia faise a partir dos datos do censo de poboación proporcionados polo Instituto Nacional de Estatística. A páxina facilita os datos correspondentes ao número de apelidos que se rexistran en cada concello e sobre a porcentaxe de apelidos do concello tendo en conta o número total de nomes.
Esta información numérica represéntase nun mapa temático dos concellos no que se marca con cores a frecuencia de aparición do apelido. Os datos da ‘Cartografía dos apelidos de Galicia’, que se desenvolve coas axudas da Real Academia Galega e da Secretaría Xeral de Universidades, é actualizada con regularidade coas achegas e suxestións recibidas a través do formulario que se atopa na web.
Os máis comúns
Os apelidos orixináronse pola necesidade de identificar e distinguir ás persoas e, para iso, utilizáronse sobrenomes, patronímicos ou designativos de lugar, que comezaron a facerse hereditarios en Galicia dende finais da idade media, segundo sinala o estudo do Instituto Galego da Lingua. Así, a maioría dos apelidos de Galicia teñen a súa orixe en nomes de lugares (Castro), en nomes de persoa (González) ou en oficios (Ferreiro).
A base recolle un total de 5.481.678 apelidos dos que son únicos 48.459. Segundo estes datos, o apelido Rodríguez, con 241.324 é o que conta con máis rexistros; seguido de Fernández, González, López, García, Pérez, Martínez e Vázquez, cada un dos cales supera os cen mil rexistros. Na cara oposta sitúanse os apelidos que contan con menos de cincuenta concorrencias como é o caso de Coruña, Taberneiro ou Estevo.
A través do estudo, os investigadores do Instituto Galego da Lingua tamén determinaron os efectos que a castelanización dos nomes ou a emigración tiveron sobre a súa distribución e difusión no territorio.