Corenta anos dedicados ao estudo e promoción do galego

Data: 
sábado, Maio 21, 2011 - 17:45
Imaxe: 
Son corenta os anos que o Instituto da Lingua Galega (ILG) da Universidade de Santiago leva dedicados ao estudo e promoción do galego. Numerosos proxectos, publicacións e iniciativas, algunhas delas decisivas, dan conta do traballo iniciado a comezos dos anos 70 por un grupo de investigadores liderado polo catedrático de Filoloxía Románica Constantino García. A súa antigüedade convérteo no centro destas características máis antigo do sistema universitario galego.

 

A data exacta do anuncio da creación do ILG foi o 14 de maio de 1971, que pechaba unha semana en que se presentara o método Gallego 1 e se celebrara un ambicioso ciclo de conferencias sobre filoloxía galega. Logo virían as Lecturas Galegas 1, a revista Verba. Anuario galego de filoloxía, a grande empresa do Atlas Lingüístico Galego, as Bases e as Normas ortográficas e morfolóxicas do idioma galego, e un longo ronsel de proxectos e publicacións ata hoxe.

 

Para celebrar esa efeméride distintas autoridades académicas e civís asistiron na tarde deste venres ao descubrimento dunha placa na fachada do edificio do Instituto no que viviron Rosalía e Murguía entre os anos 1863-1865. A placa reza 'Esta casa da Praza da Universidade, antes do Mercado Vello, acolleu entre 1863 e 1865 a Rosalía de Castro e Manuel Murguía. A Universidade de Santiago de Compostela, no 40 aniversario da fundación do Instituto da Lingua Galega, honra os ilustres moradores da súa sede e o seu antigo propietario, o historiador e novelista Antonio López Ferreiro'.

 

Todos os presentes trasladáronse logo ao Paraninfo da Universidade para participar nun acto académico que presidiu o reitor Juan Casares e no que ademais interviñeron a directora do ILG, Rosario Álvarez Blanco, e os membros do padroado fundador do Instituto, Antón Santamarina e Xerardo Fernández Albor.

 

O acto contou coa presenza, entre outros, do presidente do Consello Social da USC, Manuel Puga Pereira; os secretarios xerais de Política Lingüística e de Universidades, Anxo Lorenzo e José Alberto Díez de Castro, respectivamente; o delegado do Goberno en Galicia, Miguel Cortizo; os ex reitores Darío Villanueva e Senén Barro e o reitor da Coruña, José María Barja; o presidente da Real Academia Galega e tamén ex reitor da USC, Ramón Villares; o vicepresidente da Fundación Penzol, Alfonso Zulueta; así como membros do padroado fundador do Instituto, representantes do Concello de Santiago e da Universidade e docentes e investigadores.

 

O contexto
Na segunda metade dos sesenta comezaran a abrirse fiestras para a lingua galega despois de anos de escuridade e prohibición ao que se lle sumaron as mobilizacións estudantís de 1968 que convulsionaron a universidade compostelá e nas que a lingua galega tivo unha moi importante e simbólica presenza alimentada polos galeguistas que durante a ditadura non decaeron no seu empeño da defensa do galego.

 

Un ano máis tarde apróbase a Lei Xeral de Educación que introduce o galego, o catalán e o éuscaro como linguas de estudo no ensino; ademais, os Estatutos Provisorios da USC contemplan a creación de institutos de investigación supradepartamentais. Todo isto foi aproveitado por Constantino García para darlle forma real á un instituto dedicado ao estudo do galego.

 

Así foi como o 14 de maio de 1971 se presenta Gallego 1, o primeiro método para aprender galego, nun acto que ademais serviu para facer pública a creación do Instituto da Lingua Galega, que aparecía como autor do libro. No volume participaron os que conformaron o xermolo do ILG, liderados por Constantino García, nomeadamente Antón Santamarina, Xosé Luís Couceiro, Guillermo Rojo, Carme Ríos Panisse, Inés Leis e Luísa Fernanda Pensado, aos que se incorporaría despois o grupo de traballo Ramón Lorenzo.

 

O xermolo
A presentación do manual, un fito na historia do galego neste país, veu acompañada doutras serie de actos que reforzarían aínda máis o cometido do Instituto e das investigacións que se estaban levando a cabo. Así, unha semana antes desenvolvérase un ciclo de conferencias sobre cuestións de filoloxía galega e portuguesa no que participaron importantes figuras da romanística e das filoloxías hispánica e portuguesa: Joseph M. Piel, Luis F. Lindley Cintra, Manuel Rodrigues Lapa e José L. Pensado.

 

Finalmente, o 26 de xullo de 1971 constitúese no Salón Reitoral de San Xerome o Padroado do Instituto da Lingua Galega e apróbanse os seus primeiros estatutos. Na xuntanza, á que asistiron os representantes da Universidade compostelá e os das fundacións e institucións culturais de maior peso así como, no plano simbólico, do galeguismo, elixiuse o primeiro consello de dirección do ILG que encabezaría Constantino García, sendo Manuel Díaz subdirector e Ricardo Carballo Calero secretario.

 

Ese primeiro padroado estaba composto polo reitor Manuel García Garrido; o catedrático de Filoloxía Romana Constantino García González; o catedrático de Filoloxía Latina e director do Secretariado de Publicacións da USC, Manuel Díaz y Díaz; o decano da Facultade de Filosofía e Letras, Ramón Otero Túñez; o profesor de lingua e literatura galegas da USC e representante do Centro de Estudios Fingoi, Ricardo Carballo Calero; Xosé Fernando Filgueira Valverde representando ao Instituto Padre Sarmiento; Marino Dónega Rozas pola Real Academia Galega; Xerardo Fernández Albor pola Fundación Penzol; e Xoaquín Arias Díaz de Rábago en representación da Fundación “Pedro Barrié, Conde de Fenosa”.

 

O presente
Nestes corenta anos o ILG cumpriu sobradamente as súas expectativas. Entre as súas achegas ao estudo do galego figuran a cartografía dos apelidos de Galicia; o Arquivo do Galego Oral que resultou no Atlas Lingüístico Galego (ALGa); o vocabulario ortográfico da lingua galega; os tesouros informatizados da lingua galega; o Inventario toponímico da Galicia medieval; o deseño do curso interactivo é-galego; a colaboración no Arquivo Sonoro de Galicia; os Estudos de Lingüística Galega ou o Dicionario de dicionarios da lingua galega, xunto con preto de cincuenta volumes máis.

 

Na actualidade o ILG diríxeo a profesora Rosario Álvarez, sendo secretario Xulio Sousa. Traballan nel unha trintena de investigadores cos que colaboran numerosos expertos doutras Universidades, centros educativos e mesmo medios de comunicación.