CORTEGAL, novo recurso do ILG

Data: 
mércores, Febreiro 1, 2023 - 17:00
Imaxe: 

O corpus CORTEGAL, Corpus de textos escritos por estudantes no ámbito académico, resultado do proxecto do mesmo nome dirixido por María Álvarez de la Granja e Ernesto González Seoane, xa se atopa en aberto para a súa consulta. Está constituído por 1000 redaccións elaboradas por estudantes preuniversitarias/os no marco do exame de Lingua e Literatura Galegas da proba de Avaliación do Bacharelato para o acceso á Universidade (ABAU). Concretamente, os textos foron extraídos da pregunta de comentario de tales exames, en que o alumnado ten que redactar un texto argumentativo, de entre 200 e 250 palabras, sobre un tema dado.

Un dos intereses do corpus é o de coñecer o grao de coñecemento da variedade estándar que amosa o alumnado, así como as principais desviacións do código normativo e do rexistro académico que se achan nel.