Francisco Fernández Rei publica un libro sobre Cabanillas

Data: 
xoves, Novembro 5, 2015 - 20:00
Imaxe: 

O investigador do Instituto da Lingua Galega Francisco Fernández Rei publicou recentemente a súa obra Ramón Cabanillas, Cambados e o mar da Arousa, na que, coa figura do poeta cambadés como elemento central, achega unha visión xeral da presenza do mar da Arousa na literatura galega.

O libro presentouse o día 5 de novembro na vila pontevedresa de Cambados, onde tamén o día 14 se celebrou un acto organizado pola Real Academia Galega en conmemoración do centenario da edición de Vento mareiro, a obra máis senlleira e recoñecida de Cabanillas.

O volume é unha recompilación de textos escritos entre 1977 e 2014, e que se agrupan en cinco apartados: a memoria e as paisaxes de Cambados, notas biográficas e literarias de Cabanillas, a fala de Fefiñáns e a lingua literaria do escritor cambadés, o mar en Cabanillas e o literario mar da Arousa e a reivindicación e valoración da figura de Cabanillas.

Deste xeito, o autor rende unha homenaxe á vila de Cambados (da que Fernández Rei tamén é orixinario) e á súa figura literaria máis recoñecida, así como á lingua, á cultura e ao mar da ría da Arousa, en cuxas ribeiras naceron tamén outros escritores do talle de Valle-Inclán, Castelao, Rafael Dieste ou Manuel Antonio.

A figura de Ramón Cabanillas (1876-1959) xa foi tratada por Fernández Rei noutras obras anteriores, e sobre o poeta cambadés xirou tamén o seu discurso de ingreso na Real Academia Galega, en 1997. En palabras do autor, "Cabanillas foi un símbolo do movemento agrarista e un dos poetas destacados das Irmandades da Fala, que no inverno franquista mantivo o compromiso co idioma e que nos anos 50 se embarcou na resistencia cultural do galeguismo".