Investigadores brasileiros, portugueses e galegos reúnense no ILG arredor do proxecto ‘Tesouro do léxico patrimonial galego e portugués’

Data: 
venres, Xuño 10, 2011 - 17:30

Os investigadores brasileiros, portugueses e galegos participantes no proxecto de investigación ‘Tesouro do léxico patrimonial galego e portugués’ reuniranse no Instituto da Lingua Galega da USC (ILG) os vindeiros luns 13 e martes 14. A Compostela acudirán os coordinadores do proxectos así como a maior parte dos participantes, todos eles investigadores de universidades e centros de investigación.

 

O proxecto ‘Tesouro do léxico patrimonial galego e portugués’ aspira a crear un tesouro lexicográfico que permita e consulta de información léxica rexistrada en obras de investigación de divulgación restrinxida ou acceso difícil (teses, traballos de licenciatura ou atlas lingüísticos, entre outros). O bando de datos permitirá no futuro obter información sobre a forma, o significado e a distribución xeográfica de formas léxicas vinculadas á cultura tradicional de Galicia, Portugal e Brasil.

 

Neste dous días nos que se desenvolverá o encontro de expertos, celebrarase un obradoiro de traballo no que se dará conta do estado do proxecto en cada área, ademais de que se tratarán aspectos diversos relacionados coa incorporación e tratamento de datos. Nestas xornadas presentaranse ademais a primeira versión da aplicación web de consulta dos materiais, deseñada por investigadores do Instituto da Lingua Galega da USC.Organizado por Rosario Álvarez e Xulio Sousa, as distintas sesións da reunión repartiranse entre a Facultade de Ciencias da Comunicación e o ILG.