Investigadores do ILG na reunión de presentación de CLARIAH-ES en Donostia

Data: 
venres, Xaneiro 26, 2024 - 17:15
Imaxe: 

Elisa Fernández Rei e Xulio Sousa, membros do ILG, participaron o 25 de xaneiro en Donostia na presentación de CLARIAH-ES, cuxo obxectivo xeral é impulsar actividades de promoción das infraestruturas europeas CLARIN (Common Language Resources and Technology Infrastructure) e DARIAH (Digital Research Infrastructure for the Arts and Humanities) e organizar a participación oficial de España nestas. CLARIN ofrece datos, ferramentas e servizos de apoio á investigación baseada en recursos lingüísticos e DARIAH é unha infraestrutura de investigación que mellora e apoia a investigación e a docencia dixital no ámbito das Artes e Humanidades.

Ademais do ILG da Universidade de Santiago de Compostela, integran o equipo as universidades do País Vasco, Alacante, a Universidade Nacional de Educación a Distancia, a Universidade Complutense de Madrid, o Barcelona Supercomputing Centre-Centro Nacional de Supercomputación, a Universidade de Xaén, a das Palmas de Gran Canaria, o Centro Superior de Investigacións Científicas e a Biblioteca Nacional de España. Coa súa adhesión, España únese, como membro de pleno dereito, a Alemaña, Austria, Bélxica, Bulgaria, Croacia, República Checa, Chipre, Dinamarca, Eslovenia, Estonia, Finlandia, Grecia, Hungría, Islandia, Italia, Latvia, Lituania, Países Baixos, Polonia, Portugal e Suecia, sendo Reino Unido, Sudáfrica e Suíza países observadores.