María Pérez Lago gaña o Premio Ícarus 2026 polo seu traballo en tecnoloxías da fala para o galego

Data: 
xoves, Outubro 8, 2026 - 17:30
Imaxe: 

A investigadora do Instituto da Lingua Galega e integrante do Proxecto Nós María Pérez Lago foi galardoada co primeiro Premio Ícarus 2026 na área de Artes e Humanidades. O recoñecemento foille concedido polo seu Traballo Fin de Mestrado (TFM) titulado Avaliación de tecnoloxías de síntese de voz: un estudo de dous modelos TTS para a lingua galega, unha investigación realizada baixo a dirección do investigador do noso centro Xosé Luís Regueira.

Os Premios Ícarus, organizados pola Área de Valorización, Transferencia e Emprendemento (AVTE) da Universidade de Santiago de Compostela e financiados pola Xunta de Galicia, distinguen anualmente os traballos académicos con maior potencial de transferencia e aplicación práctica, social e económica.

Innovación e metodoloxía avanzada
O traballo galardoado aborda a avaliación da calidade e naturalidade de dúas voces sintéticas en galego desenvolvidas no marco do Proxecto Nós. A principal achega de Pérez Lago é o deseño dunha metodoloxía de avaliación avanzada que combina datos cuantitativos coa percepción e os comentarios das persoas usuarias. Este enfoque innovador non só ofrece unha valoración global, senón que afonda na conciencia metalingüística das persoas oíntes, identificando os criterios exactos que empregan para xulgar as voces sintéticas.
 
A lingüística ao servizo da tecnoloxía
As tecnoloxías da fala son clave para garantir un futuro dixital para o idioma. En palabras da propia galardoada: “Recibir este premio supón un importante recoñecemento a todo o traballo realizado na área das Tecnoloxías da Fala en galego pero, sobre todo, unha motivación para seguir avanzando nesta liña de investigación”.
 
A investigadora subliñou tamén o papel estratéxico da súa disciplina neste eido: “É fundamental desenvolver recursos tecnolóxicos de calidade para garantir unha presenza real e efectiva da nosa lingua nos novos espazos dixitais. E neste camiño, a lingüística ten moito que achegar, xa que contribúe a que estas ferramentas respondan ás necesidades propias da lingua”.
 
Con este recoñecemento, os Premios Ícarus poñen en valor unha investigación punteira que conxuga o estudo científico da lingua coa innovación tecnolóxica, facilitando a creación de ferramentas dixitais máis naturais, accesibles e de calidade en galego.