Membros do ILG na reunión de ILENIA

Data: 
sábado, Febreiro 24, 2024 - 00:15
Imaxe: 

Os membros do Instituto da Lingua Galega Francisco DubertElisa Fernández Rei e Carmen Magariños, xunto a investigadores do CiTIUS da Universidade de Santiago de Compostela, representaron o Proxecto Nós na reunión organizada polo proxecto ILENIA o 22 e 23 de febreiro no campus de Gipuzkoa da Universidade do País Vasco. ILENIA é un proxecto común entre o Centro Vasco de Tecnología de la Lengua (HiTZ), o Barcelona Supercomputing Center – Centro Nacional de Supercomputación (BSC-CNS), o CITIUS e o ILG da Universidade de Santiago de Compostela (USC) e o Centro de Intelixencia Dixital de Alacante (CENID). O obxectivo é xerar recursos dixitais que permitan o desenvolvemento de aplicacións multilingües nas diferentes linguas cooficiais e as súas variantes (éuscaro, catalán/valenciano e galego).

O evento, organizado por HiTZ, contou coa participación de máis de 40 investigadoras e investigadores expertos en Intelixencia Artificial e procesamento da linguaxe natural dos diferentes centros. Durante os dous días de xornada presentáronse os resultados dos diversos proxectos coordinados por ILENIA co obxectivo de promover o desenvolvemento de recursos plurilingües, especialmente modelos plurilingües de texto, voz e tradución automática, que respondan ás necesidades da sociedade e estean en consonancia coa tecnoloxía actual, na que o multilingüismo e a transferencia entre linguas xogan un papel primordial. Así mesmo, destacáronse as sinerxías con outras iniciativas e proxectos, así como a identificación de casos de uso e aplicacións innovadoras de alto impacto na industria lingüística.