Membros do ILG participan nunha xornada sobre IA xerativa na UVigo

O vindeiro martes 21 de abril vai ter lugar a xornada A IA xerativa tamén en galego. Dereitos lingüísticos e boas prácticas para a docencia tecnolóxica, organizada pola Universidade de Vigo no edificio Redeiras da praza do Berbés en Vigo. Os obxectivos da xornada son explorar o potencial da intelixencia artificial xerativa no ámbito académico empregando o galego como lingua de traballo, así como ofrecerlle ao profesorado referencias e orientacións prácticas para integrar estas ferramentas na docencia e na investigación.
A xornada está integrada por dúas mesas redondas e, na primeira delas, que leva por título "Recursos lingüísticos e terminolóxicos para a docencia en galego no ámbito tecnolóxico", participan os membros do noso centro Adina Vladu e Manuel González González. Nesta mesa tratarase o papel da lingua galega no ámbito tecnolóxico nun contexto marcado polo rápido desenvolvemento da intelixencia artificial. Presentaranse recursos lingüísticos e terminolóxicos dispoñibles para a docencia en galego e reflexionarase sobre os retos e as oportunidades que presenta a IA para a nosa lingua.
A inscrición para participar neste evento encóntrase aberta ata o día 20 de abril e é necesario encher o formulario dispoñible na páxina da xornada.





