O alumnado do STEMbach do IES Xelmírez II visitou o ILG para coñecer o proxecto Nós e as tecnoloxías da fala

O 27 de novembro o Instituto da Lingua Galega (ILG) recibiu a visita do alumnado do Bacharelato de Excelencia en Ciencias e Tecnoloxía (STEMbach) do IES Xelmírez II de Santiago de Compostela. A actividade enmárcase no compromiso do ILG coa divulgación científica e coa promoción de vocacións vinculadas á investigación lingüística e ás Tecnoloxías da Linguaxe.
Elisa Fernández Rei, directora do centro, e Adina Ioana Vladu, investigadora do proxecto Nós, foron as encargadas de amosarlle ao alumnado o labor que se desenvolve no instituto e o papel das Tecnoloxías da Linguaxe no impulso e na preservación do galego no ámbito dixital.
Durante a visita o alumnado participou nunha práctica de recoñecemento automatizado da fala, en que puido coñecer de primeira man como se adestran e avalían modelos de intelixencia artificial aplicados ao galego. A sesión permitiulles comprender os desafíos técnicos e lingüísticos asociados ao procesamento da fala, así como a importancia de dispor de recursos lingüísticos de calidade.
O STEMbach é un programa que promove o afondamento na competencia científica e tecnolóxica mediante metodoloxías baseadas na investigación, no rigor e no pensamento crítico. Esta visita ofreceulle ao alumnado un contexto real no que conectar os seus coñecementos coa investigación actual en lingüística, intelixencia artificial e tratamento da fala.
O Proxecto Nós, pioneiro en Galicia, ten como obxectivo principal crear recursos e ferramentas de IA en galego para garantir que a nosa lingua estea presente en asistentes de voz, tradutores automáticos, axentes conversacionais e outras aplicacións dixitais. Estes recursos están dispoñibles de forma aberta para institucións, empresas e entidades interesadas en desenvolver produtos tecnolóxicos en galego, contribuíndo así á modernización do ecosistema dixital e á protección dos dereitos lingüísticos da cidadanía.
A xornada rematou cun intercambio moi positivo, que permitiu achegarlle a ciencia, a tecnoloxía e a investigación lingüística ás novas xeracións.





