O ILG e Ángel Carracedo reclaman máis atención para o galego e a investigación ao recoller as Medallas de Ouro de Galicia

Data: 
sábado, Xullo 23, 2011 - 17:30

O acto de entrega das Medallas de Ouro 2011 tivo un sesgo máis reivindicativo que outros anos. A directora do Instituto da Lingua Galega da USC, Rosario Álvarez, e o catedrático de Medicina Legal Ángel Carracedo, esixiron nos seus discursos máis atención e interese por parte dos gobernos competentes cara ao galego e a inversión en investigación.

 

Logo dunha semblanza dos corenta anos de trabalo do ILG, a súa actual responsable reclamou “ discriminación positiva” para o galego, o que non responde a unha actitude caprichosa senón aos informes científicos que apuntan a unha situación de inferioridade desa lingua, dixo.

 

Advertiu estar “fondamente preocupados pola situación na que se atopa o idioma e temer seriamente que ante o desafecto dalgúns sectores e a desatención de certas autoridades a súa crise empeore”. Así, aproveitou para convidar ao poder político a ser xenerosos con Galicia “restaurando o consenso lingüístico que existiu desde a aprobación da Lei de Normalización ata o Plan Xeral de Normalización Lingüística".

 

Pola súa banda, nun discurso moito máis distendido o director do Instituto de Ciencias Forenses ‘Luis Concheiro’ da USC instou aos gobernos central e autonómico a manter os esforzos en investigación á vez que solicitou da empresa privada un maior investimento en I+D e profundar no mecenado de proxectos innovadores.

 

Esta mesma fin de semana deuse a coñecer que a Ángel Carracedo lle foi concedido ademais o Premio Fernández Latorre na súa 53 edición pola súa “brillante traxectoria investigadora”.