O ILG impulsa un novo espazo anual de encontro coa celebración de ECOS

O Instituto da Lingua Galega celebrou o 4 de decembro no Paraninfo da Universidade de Santiago de Compostela a primeira edición de ECOS: Coñecemento que resoa. Unha iniciativa que nace coa vocación de converterse nun encontro anual de referencia para a comunidade do Instituto.
A xornada concibiuse como un espazo de diálogo e posta en común no que se compartiron os principais resultados do traballo desenvolvido ao longo de 2025, ao tempo que se reforzaron os lazos entre as persoas que integran o ILG e se abriron vías de reflexión sobre os retos e liñas estratéxicas de futuro.
Na sesión inaugural, a directora do ILG, Elisa Fernández Rei, destacou o valor deste novo formato como ferramenta para facer visible o labor do Instituto e para fortalecer o sentimento de pertenza a un proxecto colectivo centrado na investigación e na divulgación da lingua galega.
O encontro incluíu un debate arredor da transferencia do coñecemento, no que se abordaron as relacións entre investigación, institucións e sociedade. A mesa redonda estivo coordinada polo investigador do ILG Xosé Luís Regueira e contou con achegas procedentes do ámbito universitario, asesor e empresarial, así como do sector da normalización lingüística, que permitiron ofrecer unha visión plural sobre os desafíos actuais e as oportunidades de colaboración.
A programación completouse con contidos audiovisuais e cunha intervención de carácter máis persoal, pensada para afondar na dimensión humana e emocional do Instituto. Nesta ocasión, Francisco Fernández Rei, membro do ILG desde os seus inicios, compartiu unha reflexión en primeira persoa sobre a súa traxectoria vinculada ao centro e sobre a evolución do ILG ao longo das últimas décadas.
O acto concluíu cun recoñecemento ao conxunto da comunidade do Instituto e ás entidades que fan posible o seu labor. Esta primeira edición de ECOS amosou a súa capacidade para consolidarse como un punto de encontro estable, orientado a dar visibilidade ao traballo investigador do ILG, fomentar a colaboración e reforzar o seu papel como referente no ámbito da lingua galega.





