Presentación do volume monográfico 'New Developments in Galician Linguistics'

Data: 
xoves, Setembro 18, 2025 - 12:00
Imaxe: 

Os membros do ILG Elisa Fernández Rei e Xosé Luís Regueira presentan o xoves 18 de setembro o número especial da revista en liña Languages, dedicada aos estudos interdisciplinarios de linguas, baixo o título New Developments in Galician Linguistics. Os editores estarán acompañados dalgúns autores e autoras deste volume, que ten por obxectivo presentar unha mostra representativa do estado da investigación sobre a lingüística galega, incluíndo estudos con metodoloxías innovadoras e liñas de desenvolvemento recente na lingüística galega. Ademais, móstrase o traballo de investigadoras e investigadores de recoñecido prestixio xunto ao de investigadoras e investigadores novos, como un sinal da vitalidade do campo e das perspectivas de futuro.

A lingüística galega ten unha historia breve, pero nos últimos 50 anos experimentou un desenvolvemento notable e, especialmente nas dúas últimas décadas, iniciáronse novas liñas de investigación e incorporáronse novas metodoloxías, alcanzando un nivel de desenvolvemento comparable ao dos estudos sobre calquera outra lingua no seu contexto, como demostran os once traballos publicados neste número especial da autoría de investigadores e investigadoras de universidades tanto galegas coma foráneas.

O acto terá lugar no salón de graos da Facultade de Filoloxía da Universidade de Santiago de Compostela ás 12 h.