A revista ELG renova o selo de calidade FECYT

Data: 
martes, Xaneiro 27, 2026 - 12:45
Imaxe: 

A revista de publicación continua Estudos de Lingüística Galega (ELG) renova o selo de calidade da Fundación Española para a Ciencia e a Tecnoloxía (FECYT), un recoñecemento que avala a excelencia editorial e científica das revistas académicas españolas. A renovación do selo supón un novo aval ao traballo continuado de ELG e contribúe a reforzar a súa visibilidade, credibilidade e impacto no ámbito académico internacional, en liña cos obxectivos marcados pola FECYT desde a primeira convocatoria do selo, aberta en 2016.

Este distintivo concédese tras un proceso de avaliación rigoroso, no que se analizan criterios como a composición e funcionamento do equipo editorial, a regularidade e puntualidade da publicación, a transparencia das políticas de acceso e avaliación, a calidade metodolóxica dos artigos, o correcto uso de metadatos ou o grao de especialización da revista. Para a súa obtención é necesario cumprir todos os criterios obrigatorios e, cando menos, dous dos recomendados.

Esta renovación coincide coa publicación do volume 17 (2025) da revista, que se atopa dispoñible en acceso aberto. O novo número recolle investigacións actuais no eido da lingüística galega, cunha diversidade de enfoques teóricos e metodolóxicos que reflicten o dinamismo e a vitalidade deste campo de estudo, así como o compromiso da revista coa difusión do coñecemento científico de calidade.