Simposio ILG 2019. Lingua, patrimonio e coñecemento tradicional

Data: 
martes, Novembro 5, 2019 - 13:30
Imaxe: 

Desde o ano 2001, o Instituto da Lingua Galega (ILG) vén organizando cada outono un simposio dedicado a un tema específico, escollido polo seu interese para a comunidade científica ou para a formación continua dos titulados universitarios. O Simposio ILG 2019 Lingua patrimonio e coñecemento tradicional servirá para amosar algúns dos resultados obtidos durante o desenvolvemento do proxecto Patrimonio léxico da Gallaecia, integrado no macroproxecto europeo GEOARPAD, que ten como finalidade fundamental o coñecemento e valorización do patrimonio cultural da Eurorrexión Galicia-Norte de Portugal. Con este marco de fondo, o encontro organízase en tres xornadas, que terán lugar do 5 ao 7 de novembro na Facultade de Filoloxía da USC, con cadanseu foco temático.

A finalidade da primeira xornada é facilitar principios metodolóxicos básicos, desde o punto de vista da antropoloxía cultural e da dialectoloxía, para unha recolleita adecuada do patrimonio inmaterial. Na segunda xornada preténdese mostrar o valor dos datos lingüísticos e presentar unha nova ferramenta para o estudo da variación dialectal, poñendo o foco no léxico da eurorrexión. Finalmente, a terceira xornada estará dedicada á presentación de proxectos vinculados coa recolleita de léxico e concibidos para o ámbito do ensino non universitario.

Como cada ano, o Simposio ILG 2019 está organizado polo Instituto da Lingua Galega en colaboración co Consello da Cultura Galega; nesta anualidade, ademais, forma parte da oferta formativa do Centro Autonómico de Formación e Innovación (CAFI) da Consellería de Educación, Universidade e Formación Profesional para o curso académico 2019/2020.

Toda a información sobre o simposio, así como o programa detallado, pode consultarse en http://ilg.usc.gal/gl/actividades/simposio-ilg-2019.