Unha investigadora do ILG da USC colabora no desenvolvemento de ferramentas de recoñecemento de voz para a lingua italiana

Data: 
xoves, Xuño 10, 2010 - 17:45

A profesora e investigadora do Instituto da Lingua Galega da Universidade de Santiago de Compostela, Elisa Fernández Rei, está a colaborar coa empresa de consultaría lingüística Loquendo (http://www.loquendo.com/it/index.htm) na elaboración dun transcritor fonético automático e doutras ferramentas para o procesamento de textos para a lingua italiana.

De xeito paralelo, Elisa Fernández é responsable do grupo de investigación o Instituto da Lingua Galega que colabora no AMPER (Atlas Multimedia de Prosodia do Espazo Románico, http://w3.u-grenoble3.fr/dialecto/AMPER/amper.htm). Ademais, tamén formou parte do equipo que desenvolveu un sintetizador de voz para o galego.

A empresa Loquendo está especializada no desenvolvemento de ferramentas e compoñentes que axuden na realización de aplicacións automáticas de voz, especialmente sintetizadores e recoñecedores de voz multilingües.