XI Premios á calidade lingüística

Data: 
martes, Decembro 1, 2015 - 12:45
Imaxe: 

A investigadora do ILG Sandra Beis Silva recibiu o Premio á calidade lingüística na modalidade de traballos de fin de mestrado (TFM), área de Arte e Humanidades, polo seu traballo Os dicionarios toponímicos: caracterización, análise crítica e proposta, dirixido polo profesor e investigador do ILG Ernesto Xosé González Seoane.

No traballo premiado, realizado no Mestrado en Lingüística Aplicada, a investigadora Sandra Beis Silva analiza de forma crítica varias obras sobre toponimia para posteriormente realizar unha proposta de elaboración de dicionario toponímico tendo en conta os elementos macro e microestruturais que debería conter un traballo desas características. A investigadora pretende formular unha técnica flexible, e non establecer uns criterios fixos e inamovibles, que permita aglutinar todos os aspectos relevantes que pode conter unha obra con formato de dicionario, pero coas características especiais derivadas do tipo de materiais compilados.

A Universidade de Santiago de Compostela convoca os Premios á calidade lingüística para fomentar unha cultura de calidade entre o alumnado ligada ao uso do galego. Con este concurso a USC premia os mellores traballos académicos de curso, de fin de grao (TFG) ou proxectos de fin de carreira (PFC), así como traballos de fin de mestrado (TFM) escritos en galego. A esta XI edición dos Premios á calidade lingüística concorreron máis de cen obras, repartidas nas diversas categorías.