Xornada de Onomástica Galega
O sábado 17 de setembro no Museo de Pontevedra tivo lugar a Xornada de Onomástica Galega, organizada pola Real Academia Galega e a Deputación de Pontevedra.
Nesta xornada abordáronse cuestións como a experiencia de recollida de toponimia, as novas aplicacións para a recollida xeorreferenciada, a vinculación da toponimia coa didáctica e coa documentación, e o Nomenclátor de Galicia. No encontro participou diverso persoal docente e investigador, entre o que figuran os membros do ILG Antón Santamarina, Gonzalo Navaza e Luz Méndez.
O programa completouse cunha exposición, organizada pola profesora e investigadora do ILG Ana Isabel Boullón Agrelo, na que se amosaron materiais toponímicos, bibliográficos e audiovisuais.
A xornada, de entrada libre ata completar a capacidade da sala, desenvolveuse no Edificio Sexto do Museo de Pontevedra.