Contacto e cambio lingüístico en galego

Investigadores principais: 
Membros do equipo: 
Elisabetta Carpitelli
Pedro Martín Butragueño
Gabriel Rei-Doval
Alberto Gómez Bautista
Descrición: 

O obxectivo xeral do proxecto é determinar as consecuencias do contacto entre variedades no galego actual e analizar a súa relación cos cambios lingüísticos que se teñen producido ó longo das últimas décadas. Para a consecución deste obxectivo realizarase unha análise da documentación de lingua oral de distintas variedades lingüísticas (variedade estándar, variedades dialectais do galego e variedades do español en Galicia), a partir de rexistros e córpora lingüísticos desenvolvidos nas últimas décadas e nos que participaron varios dos membros do equipo. O estudo centrarase en elementos lingüísticos pertencentes a catro niveis do sistema lingüístico: fonética, prosodia, morfoloxía e sintaxe. A análise dos datos realizarase utilizando tanto métodos cualitativos coma cuantitativos. Os membros do equipo teñen experiencia no desenvolvemento de investigacións coma a que se propón.

Os estudos previos sobre o contacto entre variedades en Galicia centráronse sobre todo nas transferencias lexicais entre variedades do galego e a variedade estándar do español, e tomaron como base case exclusivamente a lingua escrita. O proxecto proposto pretende investigar aspectos do sistema lingüístico descoidados ata o momento e ademais desde unha perspectiva que considere tanto a existencia de múltiplas variedades en contacto, coma os movementos de cambio lingüístico en diferentes sentidos (desdialectalización, dialectalización, converxencia, diverxencia, etc.).

Imaxe: 
Data de execución: 
2016 a 2018
Financiamento: 
Ministerio de Economía e Competitividade (referencia FFI2015-65208-P) e Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (FEDER, marco financeiro plurianual 2014‐2020).