Dicionario de pronuncia da lingua galega
Este proxecto ten como finalidade fornecer un modelo de pronuncia para o galego estándar, nun rexistro formal. Nunha primeira fase elaborouse un dicionario, baseado no Vocabulario Ortográfico da Lingua Galega, coa transcrición fonética de cada entrada (Dicionario de pronuncia da lingua galega. A Coruña: Real Academia Galega, 2010). A segunda fase consistiu na gravación das propostas de pronuncia (incluíndo femininos e variantes, unhas 60000 pronuncias).
Actualmente o dicionario conta, ademais de todas as entradas do dicionario da Real Academia Galega, con perto de 8000 nomes propios (de persoa, apelidos e topónimos de Galicia). O buscador permite realizar buscas por formas ou por cadeas ortográficas, e tamén por transcricións fonéticas e por cadeas de signos fonéticos.