Lingua e identidade na fronteira galego-portuguesa

Portada: 
Autor: 
Xulio Sousa / Marta Negro Romero / Rosario Álvarez (eds.)
ISBN: 
978-84-92923-60-1
Editoriais: 
Santiago de Compostela: Consello da Cultura Galega
Páxinas: 
283
Data de publicación: 
2014
Descrición: 
A fronteira entre Galicia e Portugal ten sempre a capacidade de atraer unha atención inquiridora e de provocar sentimentos encontrados. Di Castelao que non se soubo o que lle respondeu o vello ao rapaciño que, na beira do Miño, formulou en voz alta o pensamento –ou sentimento– que a tantos trae aqueloutrados, «E os da banda d’alá son máis estranxeiros que os de Madrí?». Deulle forma de pregunta ao seu desconforto ante o paradoxo, mais é probable que non agardase unha resposta.
Desde longa data, cada certo tempo, en espazos de encontro entre lingüistas galegos e portugueses, a conversa, a ollada, o interese... viñan recalando na raia que asemade nos une e nos separa, de modo que paseniñamente se foi facendo urxente colocar no centro da nosa atención esta fronteira galego-portuguesa que todos dan en dicir que está entre as máis antigas de Europa. Pouco sabemos dos criterios con que foi trazada en orixe nin, polo tanto, en que medida respondía a trazos antropolóxicos, lingüísticos, xeográficos ou doutro teor. A raia atravesou as terras do antigo reino de Galicia e partiu en dous o territorio constitutivo do protorromance galego, do que logo habían xurdir a lingua galega e a lingua portuguesa.
As vicisitudes históricas, tan diferentes, da comunidade galega e da comunidade portuguesa foron consolidando a raia como unha fronteira social, cultural e lingüística que cómpre estudar con perspectivas renovadas. Esta monografía parte da convicción de que non hai que contemplar as fronteiras como liñas divisorias, senón como rexións de convivencia e intercambio, de osmose e hibridación, nas que se crea un tipo de cultura peculiar con trazos característicos comúns a diferentes áreas fronteirizas. Esa perspectiva centra o interese deste volume: a raia galego-portuguesa contemplada non como un límite, senón como unha costura.
Mediante esta monografía preténdese propiciar a reflexión sobre o estado da cuestión, impulsar avances na súa investigación, crear un espazo de encontro para as olladas pluridisciplinares e crear novo coñecemento con renovación en métodos e resultados. O volume, dedicado a William Kavanagh (1947-2014), estudoso do significado e relevancia das fronteiras que finou pouco antes da publicación desta obra, reúne dez contribucións orixinais de catorce especialistas, nunha triple perspectiva: histórica, antropolóxica e lingüística.
 
DOI: 10.13140/2.1.4537.8884