A lingüística contemporánea partiu do presuposto de base de que a situación ideal das linguas é a de monolingüismo, tanto no plano social coma no plano individual, presuposto ao que vai asociada a noción de que cada lingua constitúe un sistema pechado, autocontido e autosuficiente, que evolúe segundo unha lóxica interna. Nesa perspectiva, o contacto de linguas e os fenómenos a el asociados (interinfluencias, hibridación, multilingüismo individual e social) son considerados á luz das estratexias de investigación e os paradigmas desenvolvidos pola lingüística monolingüe, que as contemplan como fenómenos anómalos. Por outra banda, esta visión lexitima cientificamente as ideoloxías puristas do cultivo da lingua.
Endebén, dun tempo a esta parte as situacións de contacto lingüístico e os fenómenos concomitantes están a ser abordados con outra mirada: non como casos anómalos, asenón merecentes dun estudo específico, cuns aparellos conceptuais e metodoloxías de traballo específicos. Así, aparecen novas conceptualizacións como a hibrididade, ao tempo que se repensan os procesos de cambio e evolución lingüística, que non sempre son resultado dunha lóxica ínsita a cada sistema lingüístico, senón derivados do contacto de linguas.
As anteriores consideracións son especialmente relevantes cando se pensa na historia e a situación lingüística actual de Galicia, un espazo sociocomunicativo no interior do cal o prolongado contacto entre o galego e o castelán é unha realidade imposible de ignorar, e con todo moitas veces marxinalizada ou non tida suficientemente en conta na investigación académica. E isto, tanto se atendemos ás prácticas lingüísticas cotiás dos falantes, e por tanto ás distintas variedades discursivas da oralidade (onde son doadamente detectables fenómenos derivados do contacto lingüístico), coma se focamos a atención no impacto sobre os propios sistemas lingüísticos, especialmente o galego, tamén se se consideran os esforzos de estandarización do galego, coas distintas actitudes puristas a eles asociados.
Pero a relevancia do contacto interlingüístico na configuración e evolución das linguas non é un fenómeno particular do galego. Particularmente ilustrativo, tamén a efectos comparados, é considerar o portugués, tanto europeo ou peninsular (que experimentou un contacto continuado co castelán, especialmente intenso en determinados períodos históricos) canto brasileiro, para a orixe do cal o contacto entre o portugués e as linguas indíxenas e especialmente africanas constitúe un feito que está a ser seriamente repensado.
A cuestión do contacto interlingüístico tamén nos leva a prestar especial importancia aos contextos de fronteira, vistos como áreas de transición, pero tamén no marco de procesos dinámicos de marcación de diferenzas. Pero en defintitiva, a lingüística do contacto, que precisa dun maior desenvolvemento en Galicia, convida a pór en cuestión a propia concepción das linguas como sistemas autosuficientes e illados. No simposio, o concepto de hibrididade será posto en discusión. Debaterase se resulta útil e apropiado no contexto galego, e se é capaz de arrequecer as controversias sobre as dinámicas culturais e lingüísticas en Galicia, así como sobre cuestións referentes á variación social, á norma e ao estandar, á identidade social, e ás actitudes lingüísticas.