A gheada
Na maioría dos dialectos galegos, un antigo segmento oclusivo oral velar voceado /ɡ/ evolucionou, posiblemente na Idade Moderna, perdendo os seus trazos da cavidade oral, polo que se volveu un segmento fricativo glotal /h/. A lingüística galega ten producido diferentes explicacións para este fenómeno, cuxo resultado actual é coñecido popularmente como gheada: a pronuncia de palabras coma gato como [ˈhatʊ]. A diferenza máis importante entre estas explicacións é se a mudanza se deu por causas internas (debidas cuestións estritamente estruturais) ou se o castelán influíu dalgún xeito no proceso (e, polo tanto, se o contacto lingüístico xogou un papel).
Que o fenómeno posúa un nome popular indica que os falantes son conscientes da súa existencia. Na realidade, a gheada é mesmo tema de conversa, opinión ou chistes entre a cidadanía: de feito, quizais a gheada constitúa o fenómeno dialectal galego máis coñecido e estudado na nosa lingüística, con posturas encontradas tanto sobre a súa orixe coma sobre a súa corrección ou aceptabilidade do seu uso.
En todo caso, a gheada é un fenómeno socialmente estigmatizado que efectivamente goza de pouco prestixio aberto, pois tende a considerarse como unha pronuncia vulgar, bruta, malsoante, defectuosa ou errada. Con todo, a súa persistencia nalgúns contextos socio-xeográficos é indicio da existencia de prestixio encuberto: a pesar das valoracións e xuízos negativos emitidos sobre a gheada, é posible que moitos falantes valoren este trazo como unha marca do grupo a que pertencen; hoxe algunhas persoas mesmo a usan como un signo con que dar un aire de autenticidade á súa fala ou por unha fidelidade consciente á súa variedade social, familiar ou local.
Dixemos arriba que o segmento resultante da mudanza era unha consoante fricativa glotal /h/. Con todo, as realizacións da gheada son variadas. O segmento que parece dominar nas áreas e nos falantes con menos contacto co castelán é o glotal: [ˈhatʊ] 'gato'. Nas áreas de maior contacto tamén son posibles realizacións descritas como faringais ou velares; quizais estas variantes apareceron como innovacións a partir dun antigo segmento glotal. De feito, adoita crerse que a realización fricativa velar [x] é castelanizante ou menos enxebre. Neste mapa agrúpanse, sen distinguilas de [ɡ] ou [ɣ̞], os dous alófonos de /ɡ/.
Quizais a extensión xeográfica da gheada fose maior no pasado, pois en puntos orientais existen illas desconectadas da gran área occidental, onde goza de maior vitalidade; é razoable pensar que estas illas non foron tales no pasado e que quizais se rexistrase maior contigüidade xeográfica na extensión do fenómeno. Non deixa de ser interesante que a gheada persista nas falas xeograficamente máis afastadas ó castelán e ó astruleonés. Isto podería constituír un indicio de que o contacto co castelán puido influír no retroceso xeográfico da gheada, como agora parece influír no seu retroceso social.
En todo caso, a gheada na actualidade ocupa nos datos do ALGa basicamente a metade occidental de Galicia (aínda que polo sur, penetra máis cara ó oriente). Ora ben, o seu comportamento non é o mesmo en tódolos contextos. Cando o antigo segmento oclusivo velar voceado /ɡ/ ía precedido de nasal dentro do radical dunha palabra (coma en domingo, mango, ningún) déronse evolucións distintas ás que operaron no resto dos contextos. O mapa mostra tres posibilidades con certo reparto xeográfico:
- a preservación da realización oclusiva voceada tras nasal: dise [ˈhato] gato, pero [doˈmĩŋɡo] domingo
- o desvoceamento da oclusiva velar trala consoante nasal: dise [ˈhato], pero [doˈmĩŋko]
- a substitución de [ɡ] por algunha das consoantes que realizan a gheada: dise [ˈhato] e [doˈmĩŋho] domingo
Porén debe recordarse que non tódalas palabras se comportan do mesmo xeito con respecto a este fenómeno: por exemplo, os falantes que usan [k] en [doˈmĩŋko] domingo ou [ˈmãŋko] mango poden empregar [h] en [ẽŋhaˈno] engano ou [ẽŋhãṉˈtʃaɾ] enganchar. Do mesmo xeito, un mesmo falante pode alternar varias pronuncias da gheada ou mesmo nalgúns casos hoxe é posible que varíe entre pronuncias con gheada e pronuncias sen ela.
Fontes: ALGa III, mapas 177 e 372
Francisco Dubert García