Vogais aberta e pechadas: tempo, dente, testamento
A evolución fonética regular de ĕ e ŏ tónicos latinos produciu [ˈɛ] e [ˈɔ], respectivamente: ferro, ovo. De feito, esta mudanza tórnase nun dos trazos que se acostuman a empregar para agrupar os dialectos galegos e portugueses fronte ós asturleoneses e casteláns, en que de ĕ e ŏ tónicos evolucionaron para ditongos coma [ˈje] ou [ˈwe]: fierru/hierro, güesu/hueso.
Con todo, en moitos dialectos do galego unha consoante nasal posnuclear (unha nasal que pecha a sílaba, coma a representada por n en dente ou lento) puido producir un pechamento estas vogais medias abertas nun grao, dando lugar a [ˈe] e [ˈo]. Como veremos, esta mudanza non foi regular nin automática: avanzou de xeito distinto segundo as vogais e, sobre todo, segundo as palabras. Por exemplo, no caso de ŏ neste contexto a mudanza [ˈɔ] > [ˈo] en ŏ podería ser máis antiga (ou máis rápida) ca no caso de [ˈɛ] > [ˈe] en ĕ. En palabras cun étimo latino que contiña ŏ, coma fonte, hoxe aparece [ˈɔ] practicamente só en Asturias; pola contra, no resto do territorio galegofalante hoxe encontramos [ˈo]. Este [ɔ] de fonte no galego de Asturias puido mesmo resultar dunha abertura posterior dunha vogal media pechada seguida de nasal posnuclear: dáse aproximadamente nas mesmas falas en que ō seguido de consoante nasal posnuclear produciu [ˈɔ] para monte, no canto do esperado [ˈo]; mesmo en dialectos asturianos occidentias a secuencia latina ŏ produciu [ˈo] en fonte ou ponte e non o esperado ditongo [ˈwe], polo que o fenómeno de pechazón provocada pola consoante nasal aparecería tamén en falas asturianas contiguas ás galegas.
Nas palabras con ĕ (coma en dente) parece haber unha maior diversidade de resultados. Este mapa resulta de cruzar as respostas a tres preguntas: dente, tempo e testamento. Como vemos, o resultado produce tres áreas. A primeira, discontinua, no NE e no E presenta [ˈɛ] para as tres palabras. A segunda, unha gran área central cunha cuña en Negueira de Muñiz e Ibias en que xorde [ˈe] en testamento pero [ˈɛ] en dente e tempo. A terceira, que ocupa todo o W de Galicia e o N da Coruña e Lugo, presenta [ˈe] nas tres palabras. Como se ve, cada palabra presenta unha evolución particular e a pechazón avanzou moito máis en palabras coma testamento.
Se buscamos nos mapas de fonética do ALGa os resultados en máis palabras que tiñan un ĕ tónico seguido de consoante nasal, vemos como a situación se complica máis. En cen (< cĕntŭm) [ˈɛ] é case xeral e [ˈe] só ocupa o SW de Pontevedra, o SW de Ourense, Lubián e Hermisende. En parente, [ˈɛ] penetra en puntos do N da Coruña e Lugo (Cedeira, Moeche, As Pontes, Viveiro, Cervo, Muras). Non abundan datos de xente: [ˈɛ] dáse en manchos ciscados de Ourense e do E de Lugo, ás veces rodeados de [ˈe], e.g., [ˈɛ] en Ramirás, Allariz e Padrenda; [ˈe] en San Amaro, Pereiro de Aguiar, Baños de Molgas, Bande, Cualedro, Baltar, Calvos de Randín e Lobios; a maioría destes puntos presenta [ˈɛ] en tempo e dente.
Cómpre destacar é que ĕ pasou a [ˈe] nos substantivos ou nos adxectivos, pero non en adverbios coma tamén, sempre, ben, que preservan [ˈɛ] en case todo o territorio (algúns casos no SW de sempre con [ˈe] poden deberse á acción de -e final); o mesmo sucede co pronome quen, que preserva [ˈɛ]. Nos verbos coas vogais da raíz [ˈɛ] e [ˈɔ] tónicas, a consoante nasal posnuclear tampouco elevou a vogal, pois romper ou vender seguen o mesmo padrón ca comer ou meter: rompes ~ rompe ~ rompen manteñen [ɔ̃] en todo o galego.
Ora ben, é posible que nalgúns territorios, alén dunha primeira vaga de pechazón do [ˈɛ] en formas coma testamento, dente, tempo, parente, se producise unha segunda vaga que afectase os [ˈɛ] < ĕ que na primeira preservaran a vogal media aberta (quen, ben, tamén, sempre) e tamén os [ˈɛ] secundarios produto das crases (a fusión de dúas vogais nunha soa) do hiato [aˈẽ] (quente, sesenta, setenta). Esta segunda mudanza foi consistente no SE do territorio (área de Lubián e Hermisende e, ás veces, tamén Porto e a Mezquita); e máis esporádica no SW de Pontevedra (Ponteareas, Salceda de Caselas, Oia, Tomiño, Salvaterra de Miño en diferentes palabras), onde, como dixemos, en moitos casos máis ben vexamos a acción do [e] átono final sobre o [ˈɛ] tónico.
Fonte: ALGa III, mapas 63 e 65; ALGa VII, mapa 111.
Francisco Dubert García